26 abril 2025

A NOSA MONTAXE PARA A MOTESMO 2025: HIPOCRISÍA

 


     Seica a hipocrisía levou á humanidade a imaxinar entre outras cousas un paraíso, seguramente para esquecer o inferno no que vivimos porque, como xa alguén deixou dito, “esoutro inferno do Máis Alá, non existe. O odio, a crueldade, iso é o inferno. Ás veces, o inferno somos nós mesmos”.

    HIPOCRISÍA é unha obra de creación propia que fomos compoñendo cos recortes da lamentable actualidade. Parte do Paraíso ata chegar ao abismo ou, se queres, ao Inferno do Necrocapitalismo.  A mazá do inicio simboliza logo o desenvolvemento natural do planeta no que se asentou cos seus defectos a ambiciosa humanidade cunha vontade transformadora, pero o encontro resultou perverso porque axiña emerxen entre as xentes inocentes, a culpa e o pecado (os sete pecados capitais serán fíos condutores da trama: Luxuria, avaricia, envexa, soberbia, preguiza, gula e ira), mais o principal motor é, como non, a hipocrisía, a mentira que goberna o mundo, que se vai apoderando estrepitosamente das relacións das persoas que viven de cote baixo a máscara e asediadas sempre polas verdades incómodas. 

A etimoloxía da palabra lévanos á antiga Grecia onde naceu o teatro no que os “mestres da verdade” atoparon esta ferramenta para observar o mundo e os seus conflitos, para realizar unha crítica radical baixo a protección da máscara.

                Propoñemos, pois, unha viaxe áxil, vertixinosa e crítica pola historia da humanidade ata petar de cheo coa máis rabiosa e desagradable actualidade, esa que nos abafa e preocupa, esa que, deste xeito en sete escenas simplificamos e denunciamos, mesmo a cara descuberta, invitando á reflexión co sincero convencemento de que é posible, aínda que non o pareza, un mundo mellor.

 

ACTÚAN BAIXO AS MÁSCARAS,

ENTRE O PARAÍSO E O INFERNO,  

ANTE O ESPELLO DO MUNDO QUE É O TEATRO:

                 Ainhoa del Río

               Carmen Estévez

               Emma Freire

              Alejandra Area

              Ana González

              Uxía Novegil

              Dani Balagones

              Simón Brea

              Leonor Blanco

              Noa Dasilva

              Carmen Estébanez

              Candela Rivas

              Lucía Rodríguez

              Silvia Rodríguez

              Iris Santiago


LUCES: Icía Sobral (autora do cartel)

SON e ARRANXOS MUSICAIS: Lúa Antepazo

ESCENOGRAFíA: Teresa González e Darío Suárez

DIRECCIÓN E TEXTOS:  Héctor Silveiro



VÍDEO DA REPRESENTACIÓN (gravación propia) Cangas 25 de abril 2025

VÍDEO DA GRAVACIÓN OFICIAL:




Foto da Aula de Teatro, tras da representación en Marín 6 de maio 2025


Unha breve reflexión a posteriori
 
                            "Sentín vergonza de min mesmo cando me din conta de que a vida é unha festa de máscaras e eu participei co meu rostro verdadeiro" 
                                                                                        Frank Kafka 

     Esta cita lémbranos o vulnerable que é ser auténtico e orixinal nun mundo cheo de aparencias. As persoas vivimos rodeadas de rostros que agochan intencións, de sorrisos que disimulan dores, de palabras que non o din todo e, entón, sen aviso, amosamos o noso verdadeiro rostro sen máscaras exposto, real. É un acto de valentía, pero tamén de inxenuidade porque en medio do baile das aparencias ser unha personalidade xenuína, ser sincera, ser unha mesma, é arriscarse a ser incomprendida, tamén ferida ou rexeitada. 

    A vergoña nace do contraste, mentres uns protexen as súas fraxilidades, nós amosamos as nosas, pero tal vez esa vergonza non sexa debilidade, senon un xeito de forza, un xesto de afouteza porque participar co rostro erguido e verdadeiro é un berro silencioso contra a hipocrisía, unha lembranza de que a autenticidade persoal ou colectiva, a identidade, aínda que solitaria, ten un brillo que ningúnha máscara en ningures pode imitar.

    Unha experiencia teatral coma esta, sobre a hipocrisía, non só foi unha fórmula de reflexión individual, sobre todo foi un exercicio reflexivo conxunto e social de como actuamos no mundo, arredor de quen toma partido pola verdade e de quen acostuma poñerse a máscara. Á vez de seren un berro desde a raíz, si, para quen adoita estar durmido, para espertarmos e aprendermos a saber de nós, quizais para acadar o compromiso de actuar fronte as debilidades da humanidade.

                                                          (adaptado a partír dun texto orixinal de Irene Albacete) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

REINCORPORÁMONOS Á XXV MOSTRA DE TEATRO DE ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO NO 2023

 IN MEMORIAM:  BRAIS SESTELO No día de representación na XXV MOTESMO en Bueu A AULA DE TEATRO SEI SAN NARCISO VOLVEU Á MOSTRA DE TEATRO DO E...