29 abril 2026

A NOSA MONTAXE PARA A MOTESMO 2026: FOBOS

 


FOBOS, unha viaxe baixo o poder das egolatrías

A Aula de Teatro San Narciso 2026 estrea o seu novo espectáculo na XXVIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo celebrada en Cangas o día 29 de abril.  Esta obra aborda retallos de actualidade coa idea de erradicar a xenreira das nosas vidas. Catulo, un autor latino escribiu hai dous mil anos: 

 “Odio e amo,  se preguntas por que o fago, non o sei, 

pero sinto que ocorre e me torturo.” 

  Fobos significa “odio” en grego. A nova creación da nosa Aula de Teatro trata sobre este tema universal, motor desta obra na que profundamos á vez na súa causa fundamental, os egoísmos, iso que seguro vos soará, o de non importarnos o que lle pase ao outro, de non pensar nos demais. Denuncia, análise e crítica contra os odios ademais dunha aposta polo amor como antídoto esencial ante a barbarie irracional que nos rodea, á dese home que vén sendo un lobo para o propio ser humano. 

Caemos na conta axiña de que lamentablemente moitas veces as persoas son coma ovellas inocentes, obedientes e incapaces de ser persoas de verdade e opoñerse ás circunstancias que lles fan dano que as ataca e destrúe.  Propoñemos un percorrido pola falta de empatía na historia, o individualismo e insolidariedade, as desigualdades e a ambición de poder da sociedade actual, sinalamos algo tan evidente como que nas redes sociais triunfan as mentiras. Moitas veces fronte as inxustizas somos débiles cando a única fortaleza que nos garante non ser un rabaño dócil é a necesaria reafirmación da diversidade que caracteriza e identifica á verdadeira humanidade. Esta obra pretende non perder as palabras, facer fincapé no esforzo e a loita por poñermos a pé, deixar de andar a catro patas para rachar co silencio que nos converte nun conxunto submiso de ovellas, para facermos un oco de dignidade neste mundo ferido e difícil no que vivimos.  


Fobos é pois unha viaxe con intención e memoria que retrata logo este aspecto tan negativo da sociedade actual como é o malquerer e a indiferenza cara aos demais, perdendo esoutro valor tan humano que é o agarimo e o amor ao próximo. Pasamos pola aversión ao diferente tanto polas súas ideas e crenzas, como pola súa orixe, pola súa desfavorable situación económica, polo simple feito de ser muller e non un home, pola súa forma de entender o cariño e a sexualidade, por desexar ser en liberdade e sentir, vivir ou dicir. Fobias todas elas moi presentes no mundo de hoxe, tremendamente arraigadas e contra as que cómpre procurar reflexión e resposta contundente. Aí está o conflito dramático que poñemos en escena.  De aí que usemos o valor didáctico e simbólico da famosa fábula de Pedro e o lobo para combater tanto cúmulo de odio, procurar albiscar ese mundo mellor para a humanidade que se asenta sobre algo tan simple e complexo á vez como son a empatía, a irmandade e o amor.  


ACTÚAN pendentes do lobo, pero vidas caladas como ovellas:  

Alejandra Area,  Leonor Blanco, 

Rosalía Bouzas, Simón Brea, 

Lara Cores, Noa Dasilva, 

Adrián Esperón, Carmen Estébanez, 

Dani Hervés, Bruno Mathieu, 

Irea Núñez, Valeria Osorio, 

Fernando Padín, Lola Pazos, 

Candela Rivas, Silvia Rodríguez,

Iris Santiago, Galilea Vilas e David Viqueira. 


Música: Alejandra Amado (chelista) e Iris Santiago (voz e guitarra) 

Escenografía e vestiario: Teresa González e Darío Suárez.

Luz e son: Icía Sobral, Lucía Rodríguez e Yovana Viqueira.

Dirección: Héctor Silveiro.


Sobre a banda sonora que acompaña á montaxe (a música sempre tan importante):

O último baile de De Ninghures que nos ensaios sempre soou como unha peza para entrar en materia, pero que tamen soará cando o público entre no salón para ocupar asento. 
- As vidas caladas de Antía Muíño coa colaboración de Caamaño & Ameixeiras, un tema clave para comezar a obra.
- A lista de Schisider de John Willians, coñecida melodía da película deste nome que interpreta Alejandra Amado en directo co seu chelo.
- Viaje con nosotros da Orquestra Mondragón.
- Clandestino de Manu Chao que interpreta con voz e guitarra Iris Santiago.
- Don Federico e outras melodías de xogos infantís (cantan Rosalía Bouzas e Lola Pazos)
- Pano corado das Tanxugueiras.
- Himno dos EE.UU de John Stafford Smith.
- Fobos un tema minimalista que creou e interpreta Alejandra Amado co seu chelo para a danza final  á que lle engadimos unha melodía que titulamos "Gula" que fixera Lúa Antepazo para a obra Hipocrisía,  a creación da nosa Aula de Teatro do curso pasado.
- Como epílogo musical soa para o momento aplausos o tema Baile inolvidable de Bad Bunny.

FOTOS DA REPRESENTACIóN EN CANGAS 
NA XXVIII MOSTRA DE TEATRO DO MORRAZO


















































































































































































Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

A NOSA MONTAXE PARA A MOTESMO 2026: FOBOS

  FOBOS, unha viaxe baixo o poder das egolatrías A Aula de Teatro San Narciso 2026 estrea o seu novo espectáculo na XXVIII Mostra de Teatro ...