Marín, 23 de
abril 2024
AS MULLERES DETRÁS DE PICASSO,
NIN
MUSAS NIN SUBMISAS
Unha obra dramatizada a partir do libro de Eugenia Tenenbaum
pola AULA DE TEATRO SEI-SAN NARCISO
In memoriam de Brais Sestelo López, segues con nós sobre o escenario.
Unha traxedia, si, démoslle forma
de traxedia ao libro homónimo de Eugenia Tenenbaum, un traballo de
investigación impactante que a historiadora da arte converteu en distintos
textos literarios acompañados con breves biografías das mulleres que sufriron á
sombra de Picasso, detrás do autor malagueño do que se celebrou en 2023 o
cincuenta aniversario da súa morte.
A Aula de Teatro representa unha traxedia, si,
porque é un berro contra a historia chea de silencios: Institucionais,
académicos, persoais e colectivos dos que dalgún xeito somos cómplices a non
ser que rachemos con eles. Porque detrás de cada caso de violencia de xénero,
hai centos de silencios e condutas reprobables que non podemos calar. Debemos lograr recompoñer a historia, construír
unha sociedade mellor.
Partimos, pois, do símbolo da sombra do
descoñecemento no que estas mulleres permanecen detrás do pintor, que se
presenta ante nós con múltiples rostros, mesmo ata transformarse nun monstruoso
Minotauro capaz de innumerables actos violentos que se van tinxindo co sangue
de todas elas, enchoupado en sangue como
evidencia desa violencia que exerce na relación tóxica que mantivo con elas. Fernande Olivier, Dora Maar, Olga Klokhova, Marie Theresse Walter, François Gilot, Genieve Laporte ou Jacqueline Roque
seguen a estar eclipsadas polo nome e a dimensión do tantas veces considerado
xenio da pintura do século XX. Pero quen
son elas? Hoxe están mortas, mais pretenden contarnos a súa historia para que
cambiemos o xeito de mirar a arte, tamén a súa arte. Quen sabe que Dora Maar foi quen lle deu ao
artista as claves para pintar o Guernika, ou que a súa última esposa foi quen o trouxo a Madrid ou que el quixo prohibir a publicación do libro de Françoise
Gilot titulado: A miña vida con Picasso. Esta última, a muller que di non, liderará en vida unha
resposta contundente ao malagueño. Desenmascarar a realidade e descubrir quen
era, porque como el mesmo dicía: “O importante é quen son”.
Na nosa dramatización engadimos personaxes que dalgún xeito contribúen a retratar o cadro das súas vidas xunto con acontecementos colectivos tan relevantes como a 1ª Gran Guerra e 2ª Guerra Mundial, a Revolución Soviética ou a Guerra Civil española do 36. Cada unha das mulleres manifesta a súa frustración ante o público para esixir unha nova lectura, unha mirada inqueda á historia da arte, unha visión nova e completa sobre o feito creativo no que o contexto non se deixa á marxe, nin é invisible baixo a xenialidade dos artistas. Veñen, pois, falar coa idea de rematar coas sombras nas que permanecen, coma elas, tantas e tantas mulleres ao longo da historia.
![]() |
A Aula de Teatro coa autora do textos versionados tras da representación |
AULA DE
TEATRO SEI SAN NARCISO (MARÍN)
FRANÇOISE GILOT: Rocío López
GERMAINE/DORA MAAR: Ainhoa del Río
FERNANDE OLIVIER: Claudia Méndez
EVA GOUEL, Mme. RENAULD: Carmen Estévez
XERTRUDE STEIN E SILVETTE DAVID: Emma Freire
OLGA KHOKHLOVA: Cristina Boullosa
MARIÉ THÉRESSE: Uxía Novegil
JACQUELINE: Antía Argibay Dopazo
PICASSOS, MINOTAUROS E OUTROS HOMES: Diego González, Iago Otero,
Quercus Troitiño, Álex Díaz, David Fuentes, Óscar Mathieu e Mulu Nieto.
PAULO PICASSO: Hugo García Muñiz.
MÚSICA EN VIVO: Ainhoa del Río (acordeón), Antía Argibay (voz e piano).
TEMAS MUSICAIS: Guadi Galego, Abraham Cupeiro, As Fillas de Cassandra.
LUZ E SON: Breixo Pazos e Hugo Rosales.
ESCENOGRAFíA: Teresa
González e Darío Suárez.
DIRECCIÓN e DRAMATIZACIÓN DOS TEXTOS: Héctor Silveiro.
PARA VER A REPRESENTACIÓN: Vídeo
"Só separamos a obra do artista cando hai que entrar
nas sombras"
EUGENIA
TENENBAUM (Santiago de Compostela, 1996) Galega
afincada en Madrid. É unha historiadora
da arte, comunicadora cultural, autora e activista feminista e LGBT+.
Tenenbaum tomou o seu pseudónimo da película The Royal Tenenbaums de Wes Anderson.
Comezou o seu traballo como publicista en redes sociais e, en 2022, publicou o seu
primeiro libro La mirada inquieta, no
que introduce a perspectiva de xénero no mundo da arte ao longo da historia.
No seu traballo como publicista tamén trata temas como a literatura, o
feminismo, o lesbianismo,... É unha das divulgadoras de arte máis seguidas nas
redes en castelán.
Por que
as mulleres detrás de Picasso? “Quería poñer o foco nelas totalmente... Falamos das mulleres que existiron a pesar
de Picasso realmente... Cabe ter en conta que no século XX xorde este culto ao
artista como individuo e que nunca se lle separa da súa obra... unicamente
separamos obra de artista cando hai que entrar nas sombras en vez de nas luces.
Ao final o que facemos é produto do que somos, e o que somos é produto do
contexto no que entramos.”
“Teño a
sensación de que se pensa que só desde a perspectiva de xénero, de clase e
decolonial se mira ao pasado con ollos do presente,... nunca podemos
mirar ao pasado desde outro lugar e, por iso, é necesario facelo desmarcándose
dos erros do pasado. Para desmarcarse dos erros do pasado e construír un futuro
mellor e máis xusto temos que aprender a nomear as cousas: nada nos separa do
século XX se non somos capaces de chamar maltratador ou agresor a quen o foi. O
máis importante que ten isto é que nos ensina a compoñente educativa e a
compoñente sensibilizadora que pode ter a obra do artista que, precisamente pola
súa compoñente delitiva ou violenta, ten moito máis que ensinarnos como
sociedade, desde unha lectura feminista que non desde unha lectura sumamente
misóxina ou formalista.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.